luns, 25 de marzo de 2013

Xacemento Paleolítico de Porto Maior (As Neves)


Depósito paleolítico de Porto Maior ( © IEM - 2013)

Antecedentes
O xacemento paleolítico de Porto Maior (As Neves - Pontevedra) foi descuberto a finais do ano 2005 polo experto en arqueoloxía Manuel Ledo, con motivo da realización de obras na zona. A importancia do depósito era palpable desde o primeiro intre, xa que nese momento era o único xacemento galego con varios niveis con ferramentas do Paleolítico Inferior no contexto dunha secuencia estratigráfica desenvolvida. Tendo en conta o interese deste depósito o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), baixo a dirección da arqueóloga Rosa Villar, realizou unha primeira intervención de limpeza que puxo de manifesto o tremendo interese científico do lugar.
Os traballos actuais
Depósito paleolítico de Porto Maior ( © IEM - 2013)
Habería que esperar 6 anos para que no xacemento se acometese unha nova fase de investigacións máis profundas. Na últimas semanas un equipo de arqueólogos do IEM, baixo a dirección de Eduardo Méndez-Quintas (IEM) e Manuel Santonja (Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana, CENIEH) realizaron unha campaña de escavación e revisión estratigráfica do depósito con vistas a concretar a súa cronoloxía. Así mesmo, os investigadores Alfredo Pérez-González e Mathieu Duval, ambos do CENIEH, participaron respectivamente na caracterización estratigráfica e na obtención de mostras para a realización de datacións mediante a técnica da Resonancia Paramagnética Electrónica (ESR). Mediante a aplicación desta técnica punteira preténdese obter a data exacta da ocupación do depósito.
Os resultados
Depósito paleolítico de Porto Maior ( © IEM - 2013)
Os resultados das investigacións en curso non puideron ser máis satisfactorios. Puidéronse identificar ata catro niveles diferentes con evidencias de ocupación humana, dos cales tres son claramente de época paleolítica. Entre eles destaca un no que se localizaron unha descomunal concentración de ferramentas de pedra, máis concretamente grandes machados con forma de améndoa de tipo achelense, cuxa disposición é claramente intencional. Este tipo de ocupación era descoñecida ata o momento en Europa e os paralelos máis próximos atopámolos en África. Así mesmo, púidose verificar e clarificar a secuencia estratigráfica coñecida, a cal é máis complexa do esperado. Recalcar de novo a obtención de mostras para a datación por ESR, que permitirá dentro duns meses concretar a cronoloxía deste xacemento e que serán obtidas no laboratorio de ESR do CENIEH de Burgos.
A importancia da estación paleolítica de Porto Maior
Bifaz Porto Maior ( © IEM - 2013)
Cos datos obtidos durante estes traballos, sumados aos derivados das fases previas de investigación, o xacemento de Porto Maior perfílase como un dos máis importantes a escala peninsular e ata europea no seu ámbito cronolóxico. Neste sentido destacamos:
  • ·         A cronoloxía dos niveis principais do xacemento, poderían exceder os 400.000 anos de antigüidade, e polo tanto seríanos as evidencias máis antiga da presenza humana en Galicia e unha das máis antigas, da tecnoloxía achelense, en toda a Península Ibérica.
  • ·         A longa sucesión de estratos con mostras de ocupación paleolítica, onde se documentan ata catro niveles de ocupación do Paleolítico Inferior, faia unha das máis completas a escala peninsular, para un depósito ao aire libre.
  • ·          A documentación dunha extensa e deliberada acumulación de grandes machados de pedra, polo tanto as de maior tamaño coñecido na Península Ibérica e boa parte de Europa, era totalmente descoñecida no continente ata o momento. Este tipo de comportamento é ben coñecido nos xacementos deste tipo do Val do Rift africano, pero a súa función é aínda unha incógnita.
  • ·         A cronoloxía do xacemento, que pode exceder os 400.000 anos de antigüidade e a presenza deste nivel de ocupación tan especial, converte ao xacemento de Porto Maior nun dos depósitos arqueolóxicos máis importantes e singulares de Galicia, pero cuxa transcendencia excede este ámbito e colócao como un dos máis importantes a escala europea no contexto das primeiras ocupacións humanas continentais.